os peques de paradela

os peques de paradela

venres, 18 de decembro de 2015

BO NADAL!!

Os pequerrechos de Paradela e as mestras, deséxanvos a todos un bo Nadal e un próspero ano novo!

ÁRBORE DE NADAL CON PAN DE MOLDE

O venres tamén fixemos un taller de cociña na aula, no que cortamos pan de molde de forma que parecese unha árbore de Nadal, estendémoslle nocilla coa axuda das mestras, e puxémoslles lacasitos e fideos de cores que imitaban as boliñas e as luces das árbores. Quedaron moi bonitos, pero o mellor de todo é o bos que estaban, para chupar os dedos!!

UNHA VISITA MOI ESPECIAL

Antes de marchar de vacacións de Nadal, recibimos unha visita moi especial: Papá Noel!! Algúns nenos tíñanlle un pouco de medo, e non se querían acercar... Tróuxonos unha bolsiña con lambetadas. Despois vimos unha peli e comemos flocos de millo. Foi un día moi especial...

CANTAMOS POLAS AULAS

Despois de dúas semanas de ensaio, o último día de cole fomos a ensinarlles a panxoliña e o baile aos nenos/as maiores, e tamén ás cociñeiras. Despois repartimos caramelos. A verdade é que o fixeron xenial. Estes peques son uns artistas! Mirade que ben o pasaron:

BUSCANDO UNHA ESTRELA

Durante dúas semanas, os peques estiveron ensaiando un baile e unha panxoliña de Nadal: "Buscando unha estrela". Aprendérona deseguida, e a verdade é que o facían moi ben, mirade:

NOVO PARQUE

Os pequerrechos de Paradela están de noraboa, xa que o concello instalounos un parque novo no patio, con tobogáns e balancíns. Que ben o van pasar os peques!!

CARTA AOS REIS MAGOS

Despois de escribir a carta aos reis magos, aproveitamos un día que non chovía para ir ata o buzón de correos que hai en Paradela e botalas alí. Esperemos que cheguen pronto ó seu destino, e que se nos portamos ben, nos traian o que pedimos. Como Ainara e Daniela estaban maliñas e non puideron vir, xa nos encargamos nós de levalas e botalas dentro do buzón.

MENSAXE DE PAPA NOEL

Este ano Papa Noel enviounos unha mensaxe, resulta que temos que pedir menos cousas porque Rudolf fíxose dano nunha patiña e non pode facer moito esforzo ó tirar polo trineo. Os nenos puxéronse moi tristes por Rudolf, e decidiron que lle ían pedir unha cousa nada máis, e se Rudolf se poñía ben a tempo, pois que lles trouxese outra... pero o importante é que Rudolf se recupere.

FACEMOS CHURROS CON CHOCOLATE!

Unha das actividades que máis lles gustou facer nesta última semana antes do Nadal aos pequerrechos, foi facer (e comer, claro) churros con chocolate. Para iso fomos á cociña, estivemos vendo os ingredientes que facían falla: fariña, auga, sal e aceite para fritir. Mesturámolos coa axuda dunhas espátulas, xa que a auga ten que ir moi quente, e listo, a facer os churros! Saíronlles boísimos, e despois de comer ata fartar, aínda sobraron algúns para levar para casa!

POSTAL 4º E 5º DE INFANTIL

Os nenos e nenas de 4º e 5º de infantil tamén fixemos a postal para felicitar ás nosas familias: un papá noel moi especial, xa que ía coa nosa cariña. Pintamos, escribimos, pegamos... E cando rematamos a postal, tamén picamos uns ollos, boca, nariz e cornos para facer un sobre con forma de reno. Este foi o resultado. Mirade que chulos:

POSTAL 6º DE EDUCACIÓN INFANTIL

Os nenos e nenas de 6º de infantil, fixemos unha postal chulísima para felicitarlle o Nadal ás nosas familias: pintamos, recortamos, pegamos, escribimos... e este foi o resultado final:

ESTRELIÑAS DE NADAL

Este ano fixemos uns adornos para a árbore de Nadal moi bonitos, unhas estreliñas feitas con paus de xeados, que pintaron e nas que pegaron estreliñas. Ademáis, levan a súa foto pegada e plastificada cun gorriño de Papá Noel, estaban guapísimos!! Mirade que bonitas nos quedaron:

luns, 7 de decembro de 2015

ÁRBORE CON PRATOS

Como non tiñamos árbore de Nadal na aula, decidimos facer un con pratos de plástico, para iso tivemos que pegarlles moitos papeliños, marróns para o tronco e verdes para o resto. Quedou moi chulo, pero agora temos que facer máis adornos de nadal para colgarllos e que quede aínda máis bonito

CUMPREANOS DE ADRIANA

A semana pasada celebramos o cumpreanos de Adriana, que xa ten 5 anos; soprou as velas, comemos as lambetadas que trouxo, e depois houbo moita festa e baile. Pasámolo xenial! Parabéns Adriana!!

PORTA REIS MAGOS

Os nenos da aula de 6º de infantil tamén quixeron adornar a porta da súa aula. Para iso debuxaron e decoraron aos tres Reis Magos: Melchor, Gaspar e Baltasar, traballaron moito, pero quedou unha porta preciosa! Mirade que chula:

venres, 4 de decembro de 2015

DECORAMOS AS NOSAS PORTAS

Como xa está preto o Nadal, quixemos comezar a decorar as nosas aulas, por iso, na aula de 4º e 5º de infantil, o primeiro que fixemos foi un Papá Noel xigante para a porta por un lado, e polo outro ó reno Rudolph. Todos colaboramos, pintando con rodillo, recortando, picando, pegando... e ó final quedounos unha porta chulííííísima, mirade!!:

xoves, 3 de decembro de 2015

AGASALLOS PARA TODOS

Despois de "vender" as botellas de viño que fixemos nas aulas, as mestras mercáronnos uns agasallos que estaban boísimos. Ó velos pensamos que eran boliñas para colgar nas árbores de Nadal, pero en canto os ulimos vimos que eran para comer, e que boas estaban!!!

luns, 30 de novembro de 2015

FACEMOS UNHA VIDE

Unha das propostas dos nenos dentro deste proxecto era facer unha vide ou unha parra, así que collemos xornais, e puxémonos mans á obra. Primeiro fixemos boliñas redondas para facer o tronco, e despois tiras alongadas para as ramas. Tamén pegamos follas dunha parra de verdade. Outro día, os nenos fixeron acios de uvas nas aulas con papel de seda que tamén fomos pegando, e o resultado foi unha parra chulísima!! Con todas estas actividades que fomos facendo ó longo deste trimestre, damos por rematado este proxecto. Xa somos todos uns expertos na vendima!!

venres, 27 de novembro de 2015

ANIVERSARIOS DE JHOANA E XIAO

Esta semana tamén estiveron de aniversario Jhoana e Xiao, que xa cumpriron 5 anos. Sopraron as velas, comeron moitas lambetadas e para rematar, tiveron unha sesión de cine coa peli "O rato Pérez". Mirade que ben o pasaron:

PARABÉNS MAITE

O pasado luns foi o cumpreanos de Maite, e para celebralo, soprou as velas, e comeron moitas lambetadas. Despois houbo moitos xogos e baile. Mirade que ben o pasaron:

xoves, 26 de novembro de 2015

XOGAMOS Ó BINGO

Ó longo do curso, xogaremos moitas veces ó bingo, un xogo divertido co que ademais traballamos a atención, memoria e números, letras, cores... Estes días estivemos xogando cos números, pero outros días tamén xogaremos con cores, números máis altos, letras... Pasámolo xenial e ó final todos gañamos!!

luns, 23 de novembro de 2015

PLANTAMOS PEBIDAS DE UVA

Outra das actividades que fixemos dentro deste proxecto, foi plantar unhas pebidas de uvas. Aquí vos deixamos algunhas fotos do proceso.

ETIQUETAMOS

Como xa tiñamos as botellas listas, agora só nos quedaba etiquetalas, polo que nos puxemos mans á obra. A aula de 3 e 4 anos fixérona para o viño blanco e os de 5 para o tinto. O primeiro que fixeron foi inventar un nome, ocorréronselles moitos, polo que os fomos apuntando e despois votaron polo que máis lles gustaba. Na aula de 3 e 4 anos houbo un empate a votos nos nomes de terra e nubes, e ó final decidiron poñerlle os dous, así que se chamaría "Nubes e terra", e os de 5 anos decidiron chamarlle ó tinto "O sol de Paradela". Todos os nenos participaron na elaboración: escribindo o nome, facendo o debuxo, coloreando, recortando e pegando... e o resultado foi este:

xoves, 19 de novembro de 2015

UVAS DE DIFERENTES FORMAS

Ó longo do proxecto da vendimia, fixemos acios de uvas de moitas maneiras: con boliñas de papel de seda, con plastilina, con corchos de botellas e ata con patacas pequeniñas. A verdade é que o pasamos moi ben!

luns, 16 de novembro de 2015

EMBOTELLAMOS

Despois de algo máis de dúas semanas de espera, por fin o viño estaba listo para ser embotellado, así que puxémonos mans á obra, e, coa axuda dun embude e unha culler de xoguete da cociña, fomos metendo o viño todo nas botellas. Deunos xusto para unha botella de viño tinto e outra do branco. Unha vez que xa tiñamos as botellas cheas, estivemos pensando como cerralas, e decidimos que había que poñerlles un corcho, pero por máis que algún neno intentou meter o corcho, non foron capaces, chegando a conclusión de que habería que usar algún tipo de máquina. Sorte que as profes levaran unha encorchadora, e aínda que non sabían como funcionaba, deseguida decidiron probar a meter o corcho nun buraquiño que tiña a encorchadora, colocala na botella e empurrar a ver se así conseguían metelo. Sen embargo, facía falla moita forza e non o conseguiron. Ó final foron as mestras as que tiveron que cerralas. Agora xa case as temos listas. Só nos queda inventar un nome para o noso viño, e etiquetar as botellas para poder vendelas!!

venres, 13 de novembro de 2015

XOGAMOS NA PDI

Cando imos á sala e informática, gústanos moito xogar na pdi, e este trimestre, como estamos a estudar a vendima, facemos moitos xogos relacionados con este tema. Pasámolo moi ben!

xoves, 12 de novembro de 2015

EN BREVE EMBOTELLAREMOS...

O noso viño está xa case listo. Como o temos en botes semitransparentes, podemos observar día a día como os restos de uva se van para o fondo e na parte de arriba vai quedando o líquido que proximamente embotellaremos.

mércores, 4 de novembro de 2015

PECHAMOS O "VIÑO"

Despois de case dúas semanas observando como fermentaba o viño, foron os propios nenos os que un día pola mañá nos deron a nova: o viño xa non facía burbullas, deixara de fermentar, co cal, había que tapalo. Pero como nas aulas non temos barrís, metémolo nuns botes transparentes, que nos permitirán seguir observando o proceso. Cada neno botou un pouco nun dos botes, e despois pechámolos. Agora teremos que agardar uns días para que esté listo para ser embotellado.

FESTA DO SAMAÍN

O xoves na festa do Samaín pasámolo xenial. O primeiro que fixemos, foi facer un desfile na biblioteca para que todos os nenos/as puidesen ver os nosos disfraces. Despois foi a entrega de premios das cabazas e dos disfraces, e posteriormente fixemos sete talleres diferentes, polos que pasaron todos os nenos do cole. E por último, en canto rematamos de comer, baixamos ata o pabellón, onde probamos unhas castañas asadas e xogamos todos xuntos. Pasámolo moi ben!!

DISFRACES DE SAMAÍN

O xoves celebramos o Samaín no cole, e os nenos/as viñeron disfrazados, a verdade é que viñan guapísimos. Raúl estivo enfermo e non veu en toda a semana, pero tamén quería participar das actividades, e a súa mamá enviounos unha foto del na casa disfrazado. Mirade que guapos todos:

sábado, 31 de outubro de 2015

CABAZAS DE SAMAÍN

Este ano, no cole de Paradela, as familias superáronse. Os nenos/as trouxeron unhas cabazas chulísimas e moi orixinais que estiveron expostas no cole con motivo da celebración do Samaín. Todos os nenos/as do cole votaron polas súas favoritas, e as que máis puntos tiveron levaron un premio, que consistiu nun diploma. Dende aquí queremos agradecer ás familias a súa enorme colaboración nesta actividade!

mércores, 28 de outubro de 2015

UVAS PASAS

Dentro do proxecto da vendimia, estivemos comparando os distintos tipos de uvas, porque non só hai uvas brancas, tintas e rosadas, senón que tamén hai uvas pasas. Estivémolas vendo, comparámolas coas uvas das parras, abrímolas para ver que tiñan por dentro, ulímolas, e por último, probámolas. Á maioría dos nenos non lles gustaron, pero pasámolo ben facendo esta actividade.

SOMOS MOI ALTOS

Estes días estivémonos medindo para comprobar o altos que somos: así, puidemos observar quen era o máis alto, quen era o máis baixo, quen era igual de alto que... fomos capaces entre todos de facer unha fila do máis alto ó máis baixo e tamén o revés... Despois fixemos unha gráfica na que cada neno pintou a barra que representaba a súa altura. Ó longo do curso volveremos a medirnos para así poder comprobar como medramos.

NOMES DE MOITAS MANEIRAS

Unha das cousas que máis lles interesa ós nenos é o seu nome, por iso, os máis pequerrechos do cole, os de 3 aniños, están a aprendelos traballando coas letras de mil maneiras: facéndoas con plasti, con pintura de dedos, con boliñas de papel de seda, decorándoo como lles guste... Pouco a pouco aprenderano e serán capaces de escribilo eles soíños

martes, 27 de outubro de 2015

TEMOS UNHA VISITA NO COLE

Atopamos na entrada do cole un caracol, e invitámolo a entrar na clase. Estivémolo observando, e aproveitamos para aprender cousas sobre eles.

QUEN AXUDA NA CASA?

Aproveitando que levamos unha toalla para secar e limpar os pés despois de pisar as uvas, aprendemos a técnica de dobrala en parellas, e así poder axudar na casa. Fixérono moi ben

luns, 26 de outubro de 2015

EXPERIMENTAMOS CO MOSTO

Despois de pisar as uvas decidimos facer un experimento: encerrar un pouco mosto nunha botella baleira de auga,poñerlle o tapón, e ver que pasaba ó día seguinte. Ó chegar á escola, a primeira cousa da que nos lembramos foi de ir ver a botella, a ver que lle pasara. Cando a collemos na man, descubrimos que non podíamos apretala, era imposible, e que as "engurras" propias dela, alisáranse e case non tiña. Despois de observala ben e comparala con outra botella baleira, decidimos abrila. Para iso tivemos que botarnos cara atrás e... ohhhh, o mosto saiu disparado cara arriba e cheo de escuma. Descubrimos que iso era culpa da fermentación, e puidemos observar como o mosto que pisáramos o día anterior estaba fermentando, cheo de burbullas, algo que é necesario para que o zume de uva se converta en viño. Agora todos os días teremos que observalo, xa que cando deixe de fermentar haberá que pechalo para que non se estropee e siga coa súa transformación en viño. (Non temos moitas fotos do proceso porque nos lembramos tarde de sacalas...)

PISAMOS AS UVAS

Por fin, despois de moito observar, tocar, xogar, probar... as uvas, chegou o momento de pisalas. Para iso, tivemos que sacar os zapatos e os calcetíns, remangarnos os pantalóns... e listo, a pisar e pisar ata esmagalas todas. Foi unha experiencia fantástica, pasámolo moi ben, e aínda que pensabamos que so con pisar as uvas xa estaba listo o viño, vimos que non era así, que o que xurdiu das uvas era zume e que se chamaba mosto. Despois as profes déronnos a probar un pouco mosto, pero dunhas botellas mercadas. Estaba boísimo!! Polo visto, para que se converta en viño vai haber que esperar...

PARABÉNS MARCOS!!!

O día 15 deste mes, Marcos estivo de aniversario, cumpriu 4 anos, que maior!! Para celebralo, soprou as velas na torta de xoguete que hai na aula, e despois repartiu unhas lambetadas das que deron boa conta todos os nenos. FELICIDADES MARCOS!!

venres, 23 de outubro de 2015

FACEMOS SERIES COAS UVAS

Outra das cousas que fixemos antes de pisar as uvas foi facer series con elas, tivemos que estar moi atentos para non trabucarnos, traballando así tamén, a atención.

SEPARAMOS AS UVAS DO CANGALLO

Para comezar este novo proxecto, cada neno/a trouxo da súa casa un acio de uvas branco e outro negro. Despois de observar as uvas, ulilas, tocalas, e probalas, separamos todas as uvas (que gardamos nunhas tinas) dos cangallos. Fixemos moitas actividades ese día: contar, comparar tamaños, cores, abrímolas para ver que tiñan dentro, observamos as pebidas... Pasámolo moi ben!

luns, 19 de outubro de 2015

ESTES SOMOS NOS

Somos os nenos e nenas de 4º e 5º de educación infantil do CEIP Plurilingüe San Miguel de Paradela. Mirade que guapiños somos: E estes somos os nenos e nenas de 6º de educación infantil, que tamén somos moi guapos, mirádenos: Pouco a pouco iremos subindo cousiñas neste blog para que nos coñezades un pouquiño máis e vexades como traballamos