os peques de paradela

os peques de paradela

sábado, 31 de outubro de 2015

CABAZAS DE SAMAÍN

Este ano, no cole de Paradela, as familias superáronse. Os nenos/as trouxeron unhas cabazas chulísimas e moi orixinais que estiveron expostas no cole con motivo da celebración do Samaín. Todos os nenos/as do cole votaron polas súas favoritas, e as que máis puntos tiveron levaron un premio, que consistiu nun diploma. Dende aquí queremos agradecer ás familias a súa enorme colaboración nesta actividade!

mércores, 28 de outubro de 2015

UVAS PASAS

Dentro do proxecto da vendimia, estivemos comparando os distintos tipos de uvas, porque non só hai uvas brancas, tintas e rosadas, senón que tamén hai uvas pasas. Estivémolas vendo, comparámolas coas uvas das parras, abrímolas para ver que tiñan por dentro, ulímolas, e por último, probámolas. Á maioría dos nenos non lles gustaron, pero pasámolo ben facendo esta actividade.

SOMOS MOI ALTOS

Estes días estivémonos medindo para comprobar o altos que somos: así, puidemos observar quen era o máis alto, quen era o máis baixo, quen era igual de alto que... fomos capaces entre todos de facer unha fila do máis alto ó máis baixo e tamén o revés... Despois fixemos unha gráfica na que cada neno pintou a barra que representaba a súa altura. Ó longo do curso volveremos a medirnos para así poder comprobar como medramos.

NOMES DE MOITAS MANEIRAS

Unha das cousas que máis lles interesa ós nenos é o seu nome, por iso, os máis pequerrechos do cole, os de 3 aniños, están a aprendelos traballando coas letras de mil maneiras: facéndoas con plasti, con pintura de dedos, con boliñas de papel de seda, decorándoo como lles guste... Pouco a pouco aprenderano e serán capaces de escribilo eles soíños

martes, 27 de outubro de 2015

TEMOS UNHA VISITA NO COLE

Atopamos na entrada do cole un caracol, e invitámolo a entrar na clase. Estivémolo observando, e aproveitamos para aprender cousas sobre eles.

QUEN AXUDA NA CASA?

Aproveitando que levamos unha toalla para secar e limpar os pés despois de pisar as uvas, aprendemos a técnica de dobrala en parellas, e así poder axudar na casa. Fixérono moi ben

luns, 26 de outubro de 2015

EXPERIMENTAMOS CO MOSTO

Despois de pisar as uvas decidimos facer un experimento: encerrar un pouco mosto nunha botella baleira de auga,poñerlle o tapón, e ver que pasaba ó día seguinte. Ó chegar á escola, a primeira cousa da que nos lembramos foi de ir ver a botella, a ver que lle pasara. Cando a collemos na man, descubrimos que non podíamos apretala, era imposible, e que as "engurras" propias dela, alisáranse e case non tiña. Despois de observala ben e comparala con outra botella baleira, decidimos abrila. Para iso tivemos que botarnos cara atrás e... ohhhh, o mosto saiu disparado cara arriba e cheo de escuma. Descubrimos que iso era culpa da fermentación, e puidemos observar como o mosto que pisáramos o día anterior estaba fermentando, cheo de burbullas, algo que é necesario para que o zume de uva se converta en viño. Agora todos os días teremos que observalo, xa que cando deixe de fermentar haberá que pechalo para que non se estropee e siga coa súa transformación en viño. (Non temos moitas fotos do proceso porque nos lembramos tarde de sacalas...)

PISAMOS AS UVAS

Por fin, despois de moito observar, tocar, xogar, probar... as uvas, chegou o momento de pisalas. Para iso, tivemos que sacar os zapatos e os calcetíns, remangarnos os pantalóns... e listo, a pisar e pisar ata esmagalas todas. Foi unha experiencia fantástica, pasámolo moi ben, e aínda que pensabamos que so con pisar as uvas xa estaba listo o viño, vimos que non era así, que o que xurdiu das uvas era zume e que se chamaba mosto. Despois as profes déronnos a probar un pouco mosto, pero dunhas botellas mercadas. Estaba boísimo!! Polo visto, para que se converta en viño vai haber que esperar...

PARABÉNS MARCOS!!!

O día 15 deste mes, Marcos estivo de aniversario, cumpriu 4 anos, que maior!! Para celebralo, soprou as velas na torta de xoguete que hai na aula, e despois repartiu unhas lambetadas das que deron boa conta todos os nenos. FELICIDADES MARCOS!!

venres, 23 de outubro de 2015

FACEMOS SERIES COAS UVAS

Outra das cousas que fixemos antes de pisar as uvas foi facer series con elas, tivemos que estar moi atentos para non trabucarnos, traballando así tamén, a atención.

SEPARAMOS AS UVAS DO CANGALLO

Para comezar este novo proxecto, cada neno/a trouxo da súa casa un acio de uvas branco e outro negro. Despois de observar as uvas, ulilas, tocalas, e probalas, separamos todas as uvas (que gardamos nunhas tinas) dos cangallos. Fixemos moitas actividades ese día: contar, comparar tamaños, cores, abrímolas para ver que tiñan dentro, observamos as pebidas... Pasámolo moi ben!

luns, 19 de outubro de 2015

ESTES SOMOS NOS

Somos os nenos e nenas de 4º e 5º de educación infantil do CEIP Plurilingüe San Miguel de Paradela. Mirade que guapiños somos: E estes somos os nenos e nenas de 6º de educación infantil, que tamén somos moi guapos, mirádenos: Pouco a pouco iremos subindo cousiñas neste blog para que nos coñezades un pouquiño máis e vexades como traballamos